O mércores 6 de mayo celebrabamos na igrexa do Seminario Maior, presididos polo noso Bispo, a festa de San Xoán de Ávila, patrón do clero: un día para a oración, a homenaxe aos sacerdotes ordenados hai 25 (D. José Joaquín Borrajo, D. Pedro Antonio Falcón y D. Emilio José Gil), 60 (D. José Estévez, D. Antonio Gómez, D. Cesáreo Iglesias y D. Mateo Miranda) e 70 anos (D. Manuel Alonso, D. José Blanco, D. Antonio Nóvoa y D. Fernando Santiago), e para a formación, contando en Ourense con Mons. Francisco Conesa, Bispo de Tortosa, Presidente da Comisión Episcopal da Doutrina da Fe e Bispo Referente da CEE para a implantación do Sínodo da Sinodalidade nas Igrexas particulares de toda España.

Celebramos con ledicia a festa de San Xoán de Ávila, patrón do Clero español, neste mércores posterior á Festa do Bo Pastor. E este ano o acontecemento que nos convoca reviste unha graza especial, pois conmemoramos os 500 anos da ordenación sacerdotal de San Xoán de Ávila. Cinco séculos despois, a luz do seu ministerio segue acesa en toda a Igrexa, especialmente na Igrexa en España; é como unha lámpada que non se apaga. E xunto a esta memoria agradecida, rendemos homenaxe a estes irmáns nosos sacerdotes que celebran o aniversario da súa ordenación sacerdotal. Ao longo deste tempo vivistes diversas experiencias e etapas, atopástesvos con moitos rostros, con diferentes cansazos e alegrías… pero unha mesma graza: a fidelidade ao ministerio sacerdotal, Don do Espírito do Señor a esta Igrexa, que se fixo carne na vosa historia persoal e que segue a soster aquilo que un día, neste mesmo lugar, tivo o seu comezo como signo elocuente do amor de Deus. O Crucificado-Resucitado, eternamente vivo, confiou en vós e segue a contar con vós. ¡Sede fieis, porque paga a pena vivir esta entrega! (…)

San Xoán de Ávila insistía unha e outra vez en que o sacerdote debía ser home de oración, amigo de Cristo, namorado do Señor. Dicía: Máis froito fai na Igrexa un sacerdote santo ca moitos sabios sen santidade. E sabemos ben que tiña razón: a fecundidade pastoral nace da unión con Cristo.

¡Cantos sacerdotes maiores, quizais xa sen grandes tarefas visibles, seguen a dar un froito inmenso desde a paciencia, a ofrenda silenciosa, a oración perseverante, o testemuño humilde, as dores ofrecidas! Hoxe, ao homenaxear a quen cumpren máis de 25 anos no exercicio do ministerio —don do amor de Deus ao mundo— recoñecemos que hai froitos que só madura o tempo. Por iso, ao celebrar o voso aniversario de ordenación, convídovos a mirar atrás con gratitude para lanzarvos adiante con renovada entrega. (…)

Hoxe damos grazas por tantos sacerdotes que gastaron a súa vida servindo: en aldeas e vilas, nas cidades, en parroquias humildes, en seminarios, hospitais, colexios, no confesionario, en tantos camiños e altares pobres espallados pola nosa xeografía rural. Moitas das vosas accións non quedarán escritas nos libros nin na prensa, pero están gravadas no corazón do noso pobo e, sobre todo, no libro da vida, no corazón de Deus.

Para concluír, preguntémonos: ¿que nos diría hoxe San Xoán de Ávila? Probablemente lembraríanos que non abonda con facer cousas por Cristo; hai que vivir con Cristo. Que o sacerdote debe ter corazón de pastor e xeonllos de adorador. Que a predicación nace do lume interior. Que non hai reforma da Igrexa sen conversión dos seus ministros. E como afirmaba San Xoan de Ávila: Se o sacerdote é bo, será bo o pobo: non como carga, senón como chamada esperanzadora.