Mércores 25 marzo do 2026 ás 20:15 horas na igrexa de Santa Eufemia.

Pregoeiro: D. Rafael Benito Melero, presidente da Confraría da Vera Cruz de O Carballiño.
Concerto de música sacra a cargo da Capela Madrigalistas.
Excmo. e Rvdmo. Sr. Bispo de Ourense.
Ilmo. Sr. Deán-Presidente e Moi Ilustres Srs. Canónigos do Cabildo da Igrexa Catedral-Basílica de San Martiño
Ilmos. Srs. Vicarios Episcopales da Diócese de Ourense.
Moi Ilustre Director do Secretariado de Irmandades e Confrarías da Diócese de Ourense
Moi ilustres Reverendos Presbíteros e Diáconos, Reverendas Irmás, Presidentes e representantes das confrarías e irmandades da nosa diócese.
Sr Tenente de Alcalde e concelleiros do Excmo. Concello de Ourense.
Excma. Sr Delegada Territorial da Xunta de Galicia en Ourense
Sr. Deputado Provincial da Excma. Deputación de Ourense.
Ilmo. Sr. Tenente coronel Xefe da Comandancia da Garda Civil de Ourense.
Ilmo. Sr. Comisario Xefe do Corpo Nacional de Policía de Ourense.
Sr. Suboficial da Garda Civil
Resto de autoridades eclesiásticas, civís, militares, académicas, sanitarias e xudiciais aquí presentes.
Veciños e Confrades,
Irmáns na fe.
Moi boa tarde.
Quero en primeiro lugar, aínda que soe a tópico, agradecer tanto ao noso Bispo, Don Leonardo, como ao noso Director do Secretariado de Irmandades e Confrarías, don Francisco,
a inmerecida honra e a enorme responsabilidade que supón para min
compartir con vostedes unha ocasión tan sinalada: a de realizar o Pregón de Semana Santa de Ourense.
E antes de comezar, permítanme un recordo moi persoal.
Estamos en Santa Eufemia.
Un marco incomparable moi vinculado á miña historia persoal e familiar.
E non só porque hoxe moitos dos meus familiares e amigos estean presentes.
E tampouco porque este sexa o meu primeiro pregón de Semana Santa,
senón que foi aquí onde foi bautizado o meu pai.
E iso fai que este momento sexa aínda máis especial para min.
Porque todo volve.
Volven as raíces.
Volven os recordos.
E comprendemos quen somos e de onde vimos.
E por iso,
desde a máis profunda e respectuosa humildade,
permítanme a licencia de sentirme un privilexiado.
Un privilexiado
porque pregoar é proclamar aos catro ventos
sentimentos, recoñecementos
e agradecementos,
e ademáis, neste caso concreto,
unha profunda devoción.
Un privilexiado
por poder compartir con vostedes
o intenso fervor que vivo en primeira persoa
desde o sentimento dun humilde confrade.
E quizais, por todo isto, estou hoxe aquí.
Porque hai cousas que non se escollen,
senón que nos habitan.
Hai tradicións que non se aprenden,
senón que se herdan.
Hai emocións que non se explican,
senón que se sinten.
E a Semana Santa é,
para moitos de nós,
todo iso ao mesmo tempo:
HERDAR,… DESFRUTAR,…
VIVIR,… SENTIR.
Deste xeito,
hai cidades que se explican polos seus monumentos.
Outras pola súa historia.
Pero hai cidades
—e Ourense é unha delas—
que se explican tamén polo que sinten.
E hai un momento no ano no que ese sentimento se fai visible.
No que a cidade muda o seu ritmo.
No que o ruído cotiá deixa paso a un silencio distinto.
Un silencio cheo.
Un silencio que pesa.
Un silencio que fala.
E paradóxicamente ese silencio anúnciase cun recoñecible son:
coa badalada dunha campá,
co redobre dun tambor,
coa harmonía dunha gaita,
co abrir da porta dun templo que deixa escapar a luz das candeas e o arrecendo a incenso.
E sobre todo, e por riba de todo,
co paso acompasado dos levadores que portan a imaxe do noso Señor ou da súa Nai nunha procesión.
E é precisamente nese intre máxico,
cando co avanzar da imaxe,
Ourense enteiro contén a respiración.
Ese instante ten nome.
CHÁMASE SEMANA SANTA.
Pero non estou aquí para falar dunha Semana Santa calquera, estou aquí para anunciar a Semana Santa de Ourense.
E tralo pistoletazo de saída que compartimos hoxe coa lectura deste pregón,
continúa co Viacrucis do Venres de Dores,
que dende a Igrexa da Trindade percorre as rúas do casco vello ata a Catedral,
abrindo un tempo de recollemento e preparación.
E ademáis, se falamos de identidade, hai un dito popular que moitos escoitamos desde pequenos e que resume coma poucos o que somos:
«Tres cousas hai en Ourense
que non as hai en España:
o Santo Cristo, a Ponte
e As Burgas fervendo a auga».
Tres símbolos.
Tres sinais de identidade.
As Burgas, coa súa auga mineromedicinal que nace quente do corazón da terra, como latexo vivo dunha cidade que nunca deixa de emanar vida.
A Ponte Vella, firme sobre o Miño, unindo tempos, xeracións e camiños.
E o Santo Cristo, venerado na nosa Catedral, corazón espiritual de Ourense, que cada Semana Santa sae ao encontro do seu pobo na noitiña do Venres Santo.
E tan próximos no tempo,
estamos hoxe aquí reunidos,
para anunciar a nosa Semana Santa,
neste maxestuoso templo.
E falar dela,
é falar de Tradición,
de memoria
e de sentimento
Por iso,
quen naceu aquí,
sabe que estas cousas non se anuncian só con palabras.
E que este anuncio xa comezou
cando empezaron a falar os vosos corazóns ilusionados,
enchidos de emoción,
latexando ao ritmo de:
xa falta pouco.
 
Porque a Semana Santa de Ourense non comeza cando sae a primeira procesión.
Comeza moito antes.
Comeza nos ensaios,
nas reunións,
na preparación das imaxes e dos tronos,
nos pequenos xestos invisibles,
no compromiso silencioso de quen traballa durante meses,
e ás veces durante todo o ano,
para que todo estea listo.
Porque a Semana Santa non é só o que se ve; é, sobre todo, o que non se ve.
E nesa memoria,
inevitablemente,
volve a infancia.
Volven aqueles Domingos de Ramos en San Lázaro coa ilusión propia de quen comeza a descubrir a vida.
Volve o arrecendo do loureiro e do incenso.
Volven as palmas nas mans pequenas,
coas que xogabamos,
sen saber que xa estabamos aprendendo.
Aprendendo a formar parte.
Aprendendo a sentir.
Aprendendo que a Semana Santa ía quedar para sempre dentro de nós.
Porque hai momentos na vida dun pobo no que todo cambia.
E cando chega a Semana Santa, Ourense muda.
E coa Procesión da Borriquiña, a cidade énchese de vida, de cor e de esperanza.
A bendición dos ramos,
o paso dos nenos das máns dos seus pais e os seus avós cara á Catedral…
e esa tradición de estrear roupa que, máis alá do costume, fala de comezos e de renovación.
Pero a partires de eiquí, as rúas fanse máis silenciosas,…
e no aire aparece esa emoción,
que todos os que temos a honra de ser confrades,
coñecemos pero que ás veces custa explicar.
Unha emoción que mestura fe, tradición e recordos.
Porque a Semana Santa tamén é iso.
E ninguén se fai confrade por casualidade.
Fáise por herdanza, por memoria, por emoción.
Fíxense que voltamos a falar de tradición, de memoria e de emocións.
E un día,
sen decatarnos,
comezamos a vivi-lo desde dentro:
desde a túnica,
desde o paso,
desde o anonimato que che da o capuchón,
desde o silencio.
E entón comprendemos que a Semana Santa é identidade,
é comunidade,
pero tamén é memoria.
Memoria de cando eramos nenos.
Memoria do silencio sepulcral que vivimos ao paso de furna con Cristo Xacente no Santo Enterro.
Memoria das oracións que acompañan á Soidade.
Memoria dos sons das bandas de música e das corales.
Unha memoria que,
ano tras ano,
segue viva grazas ao traballo dunha xente que merece todo o noso recoñecemento.
E antes de continuar, non me quero esquecer do Mércores Santo, coa Misa Crismal na Catedral
e, pola noite, o Nazareno percorrendo as rúas da Carballeira, levando a cruz sobre os seus ombreiros,
coma símbolo dun camiño que todos recoñecemos
e que, por sorteo u desgraza,
tivemos que facer nalgún momento das nosas vidas.
E o Xoves Santo,
coa Santa Cena e o lavatorio dos pés;
co Santísimo no Monumento,
e tamén co Cristo do Perdón percorrendo Velle,
lembrándonos a paciencia, a entrega e a humanidade de Cristo.
E chega o Venres Santo.
A Procesión do Santo Enterro percorre Ourense como unha das expresións máis solemnes da nosa Semana Santa,
con pasos que gardan séculos de historia e que converten a cidade nun escenario de silencio e respecto.
E para min ese é un momento moi especial:
É o día que teño o privilexio e a honra de portar desde hai anos á Virxe das Dores vestindo a túnica da miña confraría da Vera Cruz.
Unha devoción que me ensinaron na casa, a miña nai e a miña avoa,
recordo delas que levo no corazón
e que non dubido que me estean coidando desde o Ceo.
Delas aprendín que a fe non sempre se explica;
ás veces vívese.
E cando o peso descansa nos ombreiros,
hai emocións que non son sinxelas de explicar.
Só se entenden vivíndoas,
e un comprende que non leva só unha imaxe.
Leva historia.
Leva memoria.
Leva fe.
E leva amor.
Porque, como todos sabemos, e así se recolle con claridade no Evanxeo de San Xoán:
«Deus é amor».
E Deus nos demostra o seu amor enviando ao seu Fillo unixénito como sacrificio.
E é precisamente nese amor,
entregado e silencioso,
onde atopamos o verdadeiro sentido destes días.
Así chegamos a un dos momentos máis íntimos da Semana Santa Ourensá.
A mañá do Sábado Santo.
A Procesión dos Caladiños.
Ourense cala.
Non hai música.
Non hai palabras.
Só silencio.
Só oracións.
Só recollemento.
Só espiritualidade.
Só Soidade.
E nese silencio cada un atopa algo.
Porque Ourense non só mira.
Ourense sinte.
E Ourense sabe agardar á esa noite tan ditosa na que se unen o ceo coa terra,
o humano e o divino.
A noite na que a Catedral énchese de luz coa Vixilia Pascual, recordándonos que a escuridade nunca ten a última palabra.
Dicía San Francisco de Asís:
«Onde hai escuridade,
poñamos luz;
onde hai tristeza,
poñamos ledicia».
E neste tempo da Semana Santa que nos toca vivir, estas verbas adquiren un significado especial.
Porque estamos a celebrar o Ano Xubilar Franciscano.
Un tempo de graza.
Un tempo de encontro.
Un tempo que nos invita a mirar cara ao esencial.
Ao sinxelo.
Ao humilde.
A todo aquilo que San Francisco nos ensinou coa súa vida.
Porque o espírito franciscano é tamén, dalgún xeito, espírito de Semana Santa.
É recollemento.
É amor ao próximo.
É capacidade de atopar a Deus no pequeno, no cotián, no silencio.
E Ourense, nestes días, convértese tamén nun espazo para vivir ese camiño.
Un camiño de interioridade.
Un camiño de reconciliación.
Un camiño no que cada un de nós está chamado a deter o paso e a escoitar.
Porque, máis alá das procesións,
das imaxes e das tradicións,
a Semana Santa segue sendo, sobre todo, unha invitación:
a volver ao esencial,
a volver ao corazón.
Porque como diciamos hai un intre esta historia non remata na oscuridade.
CHEGA A LUZ.
CHEGA A RESURRECCIÓN.
Ourense muda de novo e énchese de ledicia na mañá do Domingo de Pascua co encontro entre Santa María Nai e Cristo Resucitado na Capela homónima da Santa Igrexa Catedral.
É o momento…
o momento no que as nosas rúas e prazas
volven encherse de flores,
de ledicia,
de esperanza.
É o momento…
o máis importante,
o día clave,
o día grande para todos os cristiáns.
É o momento…
o momento transcendental da Resurrección de Xesús.
A Resurrección do home, corpo e espírito,
que vence á morte,
que rompe as cadeas do tempo,
para vivir, para sempre, na eternidade.
E ao concluir a Misa de Resurrección,
continúa a procesión,
sempre a procesión na mente a na alma dun confrade,…
e chega
O Desplante.
Ese instante único,
profundamente noso,
no que a tradición, a historia e a identidade de Ourense
se fan visibles nun xesto que atravesa os séculos.
Un momento no que a cidade volve á alegría,
no que a esperanza vence,
no que todo cobra sentido.
Un momento que marca
o peche solemne da Semana Santa
na cidade de Ourense.
Queridos amigos, permítñideme unha derradeira reflexión:
Dentro de moi pouco,
Ourense volverá vivir a súa Semana Santa
Volverán os sons de tambores e gaitas,
pero tamén o silencio.
Volverán as túnicas,
pero tamén a luz das candeas,
e o arrecendo a incenso.
Volverán a historia,
e as tradicións,
pero tamén a memoria,
e as emocións.
En definitiva…
volverá a esencia,
volverá a alma da Semana Santa de Ourense,
a alma da nosa Semana Santa.
E por iso hoxe, diante de todos vós,
quero rogar á nosa Nai,
á Santísima Virxe das Dores, que me conceda un desexo:
Que nunca se apague o son das bandas de música nin as voces dos cantores.
Que nunca falten persoas dispostas a botar unha man.
Que nunca falten ombreiros para portar un paso.
Que nunca falte quen saiba gardar silencio.
E que nunca… nunca…
perdamos o orgullo de pertencer a esta tradición centenaria.
Porque,
mentres haxa un confrade,
mentres haxa unha imaxe que portar,
mentres haxa unha cidade que coñeza o amor de Deus e se sinta orgullosa das súas tradicións…
a Semana Santa de Ourense seguirá viva.
E remato.
Con respecto,
con orgullo,
con sentimento,
con emoción,
con moito corazón
e con profunda gratitude…
DECLARO ANUNCIADA
E PREGOADA
A SEMANA SANTA DE OURENSE.
Moitas grazas.