
O Bispo de Ourense, Monseñor Lemos Montanet, e o Vicario para os Laicos, Familia e Vida, D. Francisco López, presentaban na mañá do martes 17 de marzo os carteis da Semana Santa na cidade e nas vilas de Ourense, así como os principais actos, procesións e celebracións que terán lugar nos vindeiros días, contando coa presenza dos sacerdotes das distintas zonas, da alcaldesa de Castro Caldelas que quixo acompañar ao párroco neste evento e cos membros da curia diocesana.
“Debemos ter presente que a Semana Santa transcende o simple feito de ser un período marcado no calendario; non se trata dunha semana máis na vida dos cristiáns, senón que constitúe un momento privilexiado para afondar na nosa fe, meditar sobre os valores que nos congregan e consolidar os vínculos que nos unen como comunidade”, sinalaba Monseñor Lemos Montanet.
“A Semana Santa bríndanos a posibilidade de contemplar e rememorar os misterios centrais da nosa fe, aqueles momentos que podemos considerar máis determinantes na vida de Xesucristo: a súa Paixón, Morte e Resurrección. Estas celebracións constitúen o núcleo da nosa fe cristiá e transmítennos ensinanzas fundamentais sobre o amor, o sacrificio, a redención e, por suposto, a esperanza cristiá. Cada ano, cando nos aproximamos a estas celebracións, somos convocados a recordar non só a Paixón do noso Señor Xesucristo, senón tamén a esperanza que a súa Resurrección nos ofrece. Este ano, ademais, temos a graza de vivir un tempo especialmente significativo: o Ano Xubilar Franciscano, que conmemora os 800 anos da morte de San Francisco de Asís. Este santo, que tanto amou a Cristo pobre e crucificado, invítanos a contemplar a Semana Santa desde a humildade, a sinxeleza e a fraternidade. San Francisco, que recibiu os estigmas da Paixón do Señor, ensínanos a acompañar a Cristo no seu camiño de cruz con amor e entrega total. Que este xubileo nos axude a renovar o noso compromiso coa pobreza evanxélica, coa paz e co coidado da creación, seguindo as pegadas do Poverello de Asís”.
“A Semana Santa é tamén un tempo propicio para a reconciliación”, continuaba o noso Bispo. “Nun mundo que frecuentemente semella dividido e polarizado, resulta esencial atopar o camiño cara ao perdón e a comprensión. Animo a todos os fieis a aproveitar estes días para restaurar as relacións que poidan estar danadas. A confesión, o perdón e a reconciliación son actos que non só sanan o corazón, senón que tamén nos achegan máis a Deus e aos nosos irmáns. Dende aquí, gustaríame dirixir un chamamento especial aos nosos mozos. Eles son o presente e o futuro da nosa Igrexa e da nosa sociedade. A participación activa da xuventude é esencial para manter viva a nosa tradición e para revitalizar as nosas comunidades”.
O Vicario de Laicos, Familia e Vida quixo, pola súa banda, facer un repaso polos principais acontecementos que temos por diante: “o vindeiro mércores, día 25 de marzo, solemnidade da Anunciación e Xornada de Oración pola Vida, ás oito e cuarto da tarde, terá lugar na igrexa de Santa Eufemia a lectura do Pregón da Semana Santa por parte de Don Rafael Benito Melero González, presidente da Confraría de la Vera Cruz de O Carballiño. Coa súa intervención axudaranos a adentrarnos na semana central dos cristiáns. Á lectura do pregón seguiralle un concerto da Escola Madrigalista.
Xa o venres día 27, ás oito e media da tarde, partirá da nosa catedral o viacrucis diocesano, polas rúas do centro histórico da cidade.
O mesmo venres e á mesma hora terá lugar no Carballiño a procesión do traslado da virxe dolorosa.
O domingo día 13, os cristiáns conmemoramos a entrada triunfal de Xesús na cidade Santa de Xerusalén, cando os contemporáneos de Xesús o alababan con cantos: «Hosanna ao fillo de David!» e con palmas e ramos o aclamaban. Na nosa cidade terá lugar a bendición de ramos ás 11.30 no parque de San Lázaro e logo a procesión coa imaxe da «borriquilla» ata a Catedral, onde o noso Bispo presidirá a celebración da Eucaristía.
Ademais, noutras vilas e pobos terán lugar as bendicións de ramos coas súas respectivas procesións. Tamén en numerosas parroquias da nosa diocese os sacerdotes bendirán os ramos e celebrarán a eucaristía neste día tan entrañable para o pobo cristián, de forma especial para os máis pequenos dos nosos fogares, os nenos, que son os verdadeiros protagonistas deste domingo.
O Mércores Santo, tradicionalmente, na nosa diocese é o día en que se celebra a Misa Crismal, celebración na que o Bispo xunto co presbiterio diocesano renova as promesas sacerdotais, e bendícense os santos óleos e conságrase o Santo Crisma. Este ano esta celebración terá lugar na Catedral o mércores día 1 de abril, ás doce da mañá.
Pola tarde-noite do mércores terá lugar no barrio da Carballeira a procesión coa imaxe do Nazareno, organizada pola Confraría do Paso de Xesús Nazareno.
O Xoves Santo, moitas das igrexas da cidade, así como nos templos das vilas, os fieis terán a posibilidade de achegarse ao sacramento da penitencia, ao haber sacerdotes dispoñibles para a confesión.
Na tarde do Xoves Santo, día eucarístico e sacerdotal, terá lugar en moitas das parroquias da nosa diocese a celebración da Cea do Señor, co traslado posterior do Santísimo ao Monumento, lugar no que os fieis poderán orar e acompañar a Xesús na súa Paixón.
Á última hora da tarde teremos a procesión do Cristo do Perdón en Belle, a de Xesús no Horto en Xinzo de Limia, a da Sentenza e a Esperanza no Carballiño, a dos Caladiños na capital do Ribeiro, ademais do Oficio de Tebras e procesión de penitentes en Oimbra.
O Venres Santo, pola mañá, ten lugar en Ribadavia a procesión do Santo Encontro e no Carballiño a procesión do Cristo da Saúde. E as 4 da tarde, na explanada do Santuario dos Milagros terá lugar un viacrucis procesional coas imaxes do Cristo xacente e a Dolorosa.
Durante a tarde celebraranse os oficios do Venres Santo, único día do ano no que non se celebra a Eucaristía, senón que no seu lugar se adora a santa cruz, onde Cristo entregou a súa vida por amor a cada un de nós.
Terminadas estas celebracións vespertinas terá lugar o «acto do desencravo» nas vilas de Oimbra, Celanova, Verín e Allariz, seguidos da procesión do Santo Enterro.
Ademais, teremos a gran procesión do Santo Enterro na cidade, presidida polo noso Bispo, que partirá da Catedral e terminará cun acto final na Praza Maior.
Tamén haberá procesións do Santo Enterro no Carballiño e Xinzo, así como a procesión da Dolorosa en Bande.
O Sábado Santo é o día en que a Igrexa espera expectante a Resurrección do Señor. Comezamos o día á primeira hora da mañá coas procesións da Soidade, tanto na cidade, partindo do templo da Santísima Trinidade, así como na vila de Allariz.
A tardiña, ao poñerse o sol, comezarán as solemnes Vixilias Pascuais, tanto na Catedral como en moitos outros templos parroquiais da nosa cidade e de tantas vilas e pobos da nosa diocese. Os cristiáns celebramos alegres a resurrección do Señor, o triunfo da Vida sobre a Morte.
O domingo de Pascua ten lugar na nosa cidade a procesión do encontro coa imaxe de Santa María Nai, patroa da Diocese, desde o seu templo ata a Catedral, onde ten lugar o encontro co Resucitado na girola da nosa Catedral. Terminada a misa do domingo de Pascua, parte da Catedral a coñecida como procesión do Desplante, coa imaxe da patroa da Diocese.
Ademais, tamén haberá procesións do encontro en Allariz e Carballiño.
Como podemos comprobar, son numerosas as celebracións, actos devocionais e procesións que durante os próximos días terán lugar na nosa xeografía diocesana. Todo isto pode levarse a cabo, ano tras ano, grazas ao traballo e ao esforzo dos sacerdotes e fieis. Por iso, ademais de agradecer ás autoridades públicas o seu traballo e colaboración, como xa fixo o noso Bispo, quero tamén expresar o meu agradecemento polo labor das irmandades e confrarías de toda a Igrexa diocesana, así como a todos os fieis laicos que de forma desinteresada colaboran nas súas comunidades parroquiais ou nas UAPs para que poidamos celebrar de forma digna e con solemnidade os misterios centrais da nosa fe.
A súa dedicación e esforzo son o corazón que late en cada celebración, en cada acto, en cada procesión; o piar que sostén a nosa devoción. A súa xenerosidade e fortaleza son un reflexo do amor que sentimos pola nosa fe e as nosas tradicións. Todos eles son os que, con cada paso, nos lembran o verdadeiro significado da Semana Santa.
Aos voluntarios e colaboradores das nosas parroquias agradecemos o seu compromiso e entrega. O seu labor na organización, na preparación e no acompañamento permítenos vivir esta experiencia con intensidade e fervor. Sen a súa dedicación, moitas, por non dicir todas, as actividades que se organizan non serían posibles”.