Este mércores día 4, os sacerdotes ordenados nos últimos dez anos, acompañados polo Sr. Bispo, achegáronse ao Centro Penitenciario de Pereiro de Aguiar. Foron recibidos polo Director e o seu equipo.
Despois de rezar na capela, tiveron unha mesa redonda con internos, voluntarios da Pastoral Penitenciaria e funcionarios, moderada polos capeláns. Foi un momento fermoso e enriquecedor, tanto polo que escoitaron como polo que descubriron: un lugar cheo de humanidade, onde se traballa por restaurar ás persoas e devolverlles a dignidade para volver á vida e poder ter unha segunda oportunidade. Tamén tiveron ocasión de percorrer as instalacións e atoparse con outros grupos de internos. Todo un privilexio do que xorde un agradecemento especial á acollida de D. Francisco González, Director do Centro, e do equipo directivo. E tamén á xentileza dos capeláns, D. Manuel e D. Carlos, por facilitarlles a posibilidade de vivir esta experiencia e, sobre todo, polo traballo que alí están facendo.

