Escríboche esta carta para que redescubras a importancia que ten a Xornada da Infancia Misioneira que imos celebrar o vindeiro domingo, 18 de xaneiro. Oxalá sexamos conscientes de que os nenos e nenas das nosas comunidades, aínda que a súa presenza nalgunhas das nosas parroquias sexa escasa, con todo, é conveniente que entre todos nos comprometamos a axudar aos nenos e mozos a descubrir que eles tamén son protagonistas da misión da Igrexa. Esta é unha ocasión propicia para lembrarlles aos nenos, e tamén aos maiores —sobre todo aos pais e aos avós—, que se trata dunha xornada coa que a Igrexa os convida a mirar máis alá de si mesmos e a descubrir que, tanto nenos como adolescentes, poden axudar a outros nenos —que viven nun mundo cheo de necesidades— coa súa oración, a súa proximidade e a súa xenerosidade compartida.

            Cando Mons. Charles de Forbin-Janson (1785-1844) intuíu e tivo a iniciativa de fundar a Obra da Santa Infancia Misioneira, fíxoo coa convicción de que os nenos deste mundo occidental, ás veces egoísta e farto de tantas cousas, eran os mellores misioneiros dos nenos dos lugares de misión. Quería facerlles descubrir que “a misión” non era só unha chamada especial para aqueles homes e mulleres, valentes cristiáns, que, deixándoo todo, partían para lugares moi afastados como resposta a unha chamada á misión: Ide e anunciade!

            Todos lembramos a ilusión coa que viviamos esta Xornada no colexio e na catequese. Competiamos, amigablemente, por ser quen conseguía máis achegas para os nenos das misións. Dá a sensación de que aquel nobre sentimento deixamos que se perdese en moitas comunidades, tanto parroquias como colexios, mesmo no seo dos propios fogares. Non podemos permitir que se apague esta fermosa realidade que conta con varios séculos de historia e que fixo tanto ben no corazón de nenos e maiores. Recuperemos o encanto e a ilusión. Axudemos aos nenos a descubrir ese horizonte que está máis alá do seu pequeno mundo e, de acordo co lema deste ano: «A túa vida, unha misión», convertámonos en auténticos espertadores da realidade desa vida que, nos nosos nenos e mozos, se abre a tantas posibilidades e que, sen grandes accións, pode facer cousas grandes a partir das pequenas realidades que conforman a súa vida cotiá.

            A campaña deste ano quere ensinarnos a todos que non fai falla ser superheroes para ser misioneiros; tan só é necesario descubrir que a vida é un agasallo e que cada persoa —tamén os nenos— ten unha misión única que ofrecer ao mundo. Con esta carta quixera animar aos sacerdotes, pais, catequistas e profesores a que, desde as parroquias, os colexios e as familias, animen aos nenos a coñecer que son as misións, a rezar polos misioneiros e por tantos nenos que hai nese mundo da Misión, de tal maneira que saiban descubrir que cos seus pequenos xestos de xenerosidade, tanto propios como dos seus, poden contribuír a realizar ese proxecto que consiste en converter a súa vida nunha misión.

            Rógovos a todos os que leades estas liñas e recibades os materiais, dinámicas e especialmente o vídeo que vos ofrece a Delegación Episcopal de Misións da Diocese, e que foron preparados para esta Xornada, que vos axuden a traballar cos máis pequenos o sentido misioneiro da súa propia vida. Asegúrovos que é unha oportunidade máis, nesta tarefa evanxelizadora que nos encomenda a Igrexa, para que os sacerdotes, catequistas, profesores e educadores utilicedes estes recursos en todas as actividades nas que esteades implicados, logrando así que a Campaña e a Xornada da Infancia Misioneira non sexa só un día, senón un camiño que, ao longo do curso, poida ir transformando a vida dos máis pequenos e os axude a descubrir que a Misión tamén é para que a vivan eles desde aquí.

            Coa miña bendición e afecto.

 

J. Leonardo Lemos Montanet

Bispo de Ourense