O sábado 9 de agosto, o colexio Apóstolo Santiago en Vigo acolleu o primeiro encontro interdiocesano de Galicia de diáconos permanentes, candidatos e aspirantes ao diaconado, e as súas familias. Ata a cidade olívica desprazáronse máis de corenta persoas para vivir unha xornada de encontro, fraternidade e reflexión. Durante a mañá, o bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, acompañou ao grupo e presidiu a Eucaristía na capela do colexio, acompañado polo vigairo de Pastoral da arquidiocese de Santiago de Compostela, Javier Porro.
Ata o de agora, non se estableceu ningún encontro formal dos diáconos permanentes da provincia eclesiástica de Santiago de Compostela. Ignacio Delgado, coordinador deste encontro, explica que «o ano pasado, con motivo dunha ordenación diaconal, reunímonos varios diáconos e candidatos na zona de Betanzos-Aranga. Foi moi positivo e, de aí, xurdiu a idea de establecer uns encontros regulares». Así, acordouse que a data destes encontros anuais sería o sábado máis próximo á festividade de san Lorenzo —diácono e mártir español, cuxa memoria litúrxica a Igrexa celebra o 10 de agosto—. Nesta ocasión, a diocese de Tui-Vigo foi a encargada da acollida, pero, en 2026, tocaralle a quenda á diocese de Ourense.
Esta xornada constitúe un espazo «de puro encontro, de coñecerse, de estar xuntos e, sobre todo, coas familias», incide Ignacio Delgado. Cobra especial relevancia, a figura da esposa «porque ás veces os seus maridos están comprometidos e, aínda que a muller sabe que é algo bo, pódese sentir un pouco soa. Encontros deste tipo axudan moito a tomar perspectiva», aclara Delgado.
Para Amancio Moure, diácono permanente na diocese de Ourense desde hai 4 anos, «ser diácono é unha vocación e un servizo para a Igrexa. Supón responder a unha chamada do Señor para entregarse aos demais, desde o punto de vista do ministerio do diaconado». No que respecta a estes encontros interdiocesanos e aos encontros anuais que promove a Conferencia Episcopal Española, Amancio cre que é unha oportunidade para enriquecer «a visión que tes do teu ministerio e é unha maneira de estar todos en comuñón, porque estamos todos no mesmo barco. Estamos con xente como nós que está en clave de misión, de vocación».
Tras a eucaristía da mañá, o grupo achegouse ata a capela da Nosa Señora das Neves, no monte da Guía, onde o párroco, Ramón Lera, ofreceu unha pequena visita guiada polas orixes e a evolución da capela. Desde a torre do campanario, puideron contemplar as vistas da cidade olívica, tinguida pola néboa que, pouco a pouco, comezaba a despexar. Pola tarde, houbo espazo para a reflexión e para compartir diversas experiencias, entre elas, o Xubileu dos Diácono en Roma, no mes de febreiro.
En total, a provincia eclesiástica de Santiago de Compostela conta con 15 diáconos permanentes que desenvolven o seu ministerio en diversas parroquias das súas dioceses de orixe. Os diáconos permanentes poden asistir ao bispo e aos presbíteros na celebración da Eucaristía e na distribución da comuñón; asistir á celebración do matrimonio e bendicilo; proclamar o Evanxeo e predicar; presidir as exequias; e entregarse aos diversos servizos da caridade.