Na mañá do xoves 15 de maio presentábase en Santiago de Compostela a Memoria de Actividades da Igrexa en Galicia 2023. O evento reunía aos bispos das dioceses galegas, entre eles monseñor Lemos Montanet. Ademáis do bispo, por parte de Ourense participaba Unha ampla representación das diferentes vigairías e delegacións, autoridades civís, militares e académicas e medios de comunicación con presenza no territorio diocesano.
Esta presentación é froito do traballo conxunto das cinco dioceses galegas que, tras o éxito da primeira edición, e nun exercicio de transparencia, queren dar conta do labor que a Igrexa católica desenvolveu na comunidade autónoma durante o ano 2023 en ámbitos como a pastoral, a acción social ou a actividade evanxelizadora. Nesta ocasión, o protagonismo recaía en varias experiencias de vida, con testemuños relacionados co acompañamento a persoas presas, a realidade da trata de persoas e a presenza da Igrexa no rural.
Concretamente, dende a Diocese de Ourense contouse co testemuño de Raquel Fernández, educadora social e educadora de Alumar desde o ano 2020 (programa para o acompañamento e apoio de mulleres que se atopan en contextos de prostitución, trata ou explotación sexual de Cáritas Diocesana de Ourense).
O acto tivo como presentadores aos xornalistas Santiago Peón e Paula Pájaro, contando con Raúl Alfonso, Vicario episcopal para o Patrimonio e o Sostemento da Igrexa da diocese de Ourense para o apartado da presentación de datos. Tamén os músicos Icía Varela e Lucas Rama participaron na parte artística da presentación.
Coincidindo case no tempo coa presentación da nova Memoria da Igrexa en Galicia, celebráronse a pasada semana en Madrid as IV Xornadas de Sostemento da Conferencia Española. No seu programa oficial contemplábase a entrega dos II Premios Iglesia Sostible, uns galardóns que pretenden recoñecer o labor meritorio de todas aquelas entidades da Igrexa que se distinguiron pola súa corresponsabilidade no desenvolvemento da súa misión. Un dos premios recaeu nesta edición na provincia eclesiástica de Santiago, pola edición conxunta da Memoria económica e de actividades 2022 das cinco dioceses galegas, entre elas a nosa de Ourense.


