O luns 11 de novembro celebrábamos na Catedral de Ourense a solemnidade de San Martiño de Tours, padroeiro da cidade e da Diocese de Ourense, coa Procesión e Misa solemne presidida polo Bispo de Ourense coa ofrenda do Alcalde da cidade.
Na súa homilía, o Bispo de Ourense facía unha chamada á esperanza: «Cando preparaba estas reflexións viña ao meu recordo, seguro que tamén ao voso, e así nolo manifesta o Sr. Oferente, a gravísima situación que se está vivindo na zona do Levante español por mor da DANA. No medio de tanta desolación, destrución e morte; no medio de tanta desesperanza que humanamente parece xustificada, tamén nos atopamos cunha multitude de mans anónimas que coa súa colaboración foron, e seguen a ser, construtores de esperanza. Nesta solemnidade de Martiño de Tours, o santo da caridade e da misericordia, aínda que non é costume, convídovos a que fagamos unha colecta para que a través de Cáritas Diocesana de Ourense, que se fará chegar ás Cáritas de Valencia e doutros lugares, tal como lle prometín aos meus irmáns os bispos daquelas dioceses, onde tantos irmáns e irmás perderon moitas cousas, e, o peor de todo, aos seus seres queridos, axudémoslles e pidamos por eles para que non pechen a súa porta á esperanza. Que san Martiño, o santo da misericordia, nos axude a cada un de nós a ser eses «peregrinos de esperanza» para que o mundo crea que con Cristo e nel se poden facer novas todas as cousas que só Deus pode facer posible o imposible, mesmo levantar cidades e pobos do barro, da destrución e da morte. Non me cabe a menor dúbida de que no medio das circunstancias nas que nos tocou vivir, o testemuño de vida de san Martiño, o noso celestial patrón e un dos mellores fillos da Igrexa, axudaranos a atopar a forza necesaria para construír unha sociedade distinta, chea de esperanza.
Ás portas dun novo Ano Xubilar, e ante a forte sacudida que experimentamos nos últimos días ao contemplar tanto dor e desastre, sendo conscientes de que a «esperanza non defrauda», os cristiáns, e de maneira especial os sacerdotes, estamos chamados a vivir o noso ministerio con maior fidelidade e entrega; os que fostes constituídos en autoridade para buscar o ben dos pobos e das súas xentes, estades chamados a exercer o voso servizo buscando formas novas, para converter o noso barrios e aldeas, e a todos os que neles habitan, en ámbitos de paz, cooperación, respecto ás minorías, apertura de corazón e acollida ás persoas que veñen de lonxe a convivir con nós, que crezamos nun auténtico espírito comprensión e solidariedade, e nun auténtico progreso».
Nese día bendecirase tamén a nova vidrieira do Pórtico do Paraíso, na que aparecen representados santos vencellados á historia da nosa Igrexa local. Esta vidrieira é un agasallo á Catedral do Deán honorario, D. Serafín Marqués, recentemente falecido.

