Este mércores día 14 de agosto, na igrexa de O Salvador de Hospital de Quiroga, tivo lugar a inauguración dunha magnífica exposición, co título “Coroas de Santidade” organizada polo historiador D. Manoel Carrete, os párrocos D. Jesús Río Ramilo e D. José Manuel Armesto, co gaio das coroacións canónicas das Virxes dos Remedios de Castro Caldelas e A Ermida en Quiroga, santuarios irmandados dende o ano 2023 e que dende aquela están a relizar conxuntamente un prolífica actividade cultural e pastoral.

A mostra, ademais de contar con obras do artista malagueño D. Francisco Naranjo Beltrán e o escultor ourensano D. Acisclo Manzano pon en valor diferentes personaxes das comarcas de Quiroga e Caldelas, relacionados coa Igrexa, e que moitos deles estiveron na emigración como: Luis de Losada (1681 – 1748) que foi un xesuíta nado na parroquia de A Ermida, escritor e catedrático da Universidade de Salamanca; os irmáns Guadalupe protomédicos do Papa e do emperador; bispo de Mondoñedo José Francisco Losada y Quiroga, natural de Trabazos; o relixioso caldelao frei Xosé Francisco Jesús María primeiro historiador dos carmelitas descalzos escribiu obras coma: Excelencias de la castidad (1601), Historia de Santa Catalina (1608), Vida de San José (1613) e Historia de la vida y excelencias de la Santa Virgen María (1652). Este, coma outros, que ocuparon cargos de relevancia en Chile, Rodas, Madrid ou Flandes.

A inauguración contou coa presencia do propio D. Acisclo Manzano, a cantante María do Ceo, a poetisa Helana Villar Janeiro e o seu marido Xesús Rábade, e como non podía ser doutro xeito: os alcaldes, os cregos e numerosa veciñanza de Quiroga e Caldelas. Se alguén ten o desexo de acercarse a Quiroga, a exposición, de carácter gratuíto, poderá visitarse ata o día 22 de agosto, na igrexa parroquial de O Salvador de Hospital, en horario de tarde, de 18:30 a 19:30 h.