El viernes 26 de julio de 2024 falleció el Rdvo. Sr. D. Antonio González Bernárdez, párroco emérito de Santa Mariña de Loureiro (Irixo), a los 93 años.
Pasou a Casa do Pai o 26 de xullo de 2024, aos 93 anos. Nacera en Santa Mariña de Loureiro o 8 de novembro de 1931. Realizou os seus estudos no Seminario de Ourense. Foi ordenado sacerdote o 1º de xullo de 1956. De 1956 a 1959, foi Ecónomo de Santa María de Pexeiros e Encargado de Santa María de Guntín. Entre 1959 e 1965, foi Párroco de Santa María de Lamas de Leiro e Encargado de San Martín de Balde.
No ano 1965, foi nomeado Párroco de Santa Mariña de Loureiro; en 1971 asumiu o encargo da parroquia de San Esteban de Cangues e en 1992 a parroquia de Santiago de Corneda, encargos que desempeñou ata a súa xubilación producida o 31 de agosto de 2023.
D. Antonio, como tantos outros sacerdotes destas terras, comprendeu pronto que a súa labor sacerdotal, nun momento histórico onde a emigración víase como a única saída para poder progresar, non podía cinguirse unicamente a ser un sacerdote de Misa e Sacramentos, labor esta que nunca descoidou; senón que, para evitar o despoboamento do rural e ofrecer un futuro ás súas xentes, á luz dos textos e as intuicións do Concilio Vaticano II, debía converterse en sacerdote dinamizador do campo e animador cultural das súas xentes. E así, cando foi destinado á súa parroquia natal rapidamente emprendeu esta tarefa e no ano 1966 funda na parroquia de Loureiro, no concello do Irixo, a Cooperativa Santa Mariña de Loureiro, destinándoa nun primeiro momento á venda de carne. Máis tarde, no 1968, preocupado por mellorar a calidade de vida dos seus veciños e fregueses, fai que a cooperativa, se decante pola produción leiteira. A evolución da cooperativa continúa coa elaboración de queixos de forma artesanal. Pouco despois comeza coa fabricación de iogur con bifidobacterias, e no ano 1998, Cooperativa Santa Mariña de Loureiro, lanza ao mercado o primeiro kéfir de leite de vaca fabricado en Galicia. Aos poucos, leva a cabo novos servizos, co fin de facilitar o labor do gandeiro, así se constitúe unha fábrica de pensos. Ademais, diversifica a produción con novos produtos, sempre respectando a máxima de ofrecer produtos frescos, sans e de calidade, preocupación esta que sempre tivo D. Antonio, quen presumía, con razón, de ofrecer un produto de proximidade e de alta calidade, converténdose deste xeito nun innovador e nun adiantado ao seu tempo.
Descanse en Paz, na Casa do Pai, D. Antonio.
El funeral por su eterno descanso se celebrará el sábado 27 de julio, a las 19 h.
El velatorio se encuentra situado en el tanatorio de Loureiro.