O mércores 22 de marzo o sacerdote diocesano D. Luis Rodríguez, párroco de San Pío X, ofrecía o tradicional pregón da Semana Santa de Ourense na parroquia de Santa Eufemia, seguido dun concerto de música sacra a cargo da Capela Madrigalista.

 

«(…) O Cristo, o Santo Cristo como o nomeamos os ourensáns é a quen vamos acompañar estes días conmemorando aqueles acontecementos que tiveron lugar na cidade de Xerusalén. Eses mesmos acontecementos que relataba don Ramón Otero Pedrayo no seu «Ensayo sobre las variaciones fisiognómicas»: «Na rúa ourensá a Semana Santa tendía nos primeiros anos do século XX horas de silencio, con total desaparición do tráfico, os sons opacos, apesadumbrados, das «trécolas» durante o xoves e o venres, as procesións afectivas, penitentes, as representacións do Encontro e do Desencravo na Praza Maior. Na primeira a xente que viñan dos pobos limítrofes cubría as beirarrúas, o Espolón e a escalinata de Santa María Nai. O balcón e a ventá tiñan algo de tribuna de igrexa. As procesións se acompasaban coa forma e expresivísimo da cidade. O incorporarse a rúa do Progreso ao itinerario das procesións significou o final dunha época».

 

Os tempos son outros tantos anos despois. Coma distinto é cando o mesmo Otero Pedrayo foi o pregoeiro da Semana Santa en Viveiro no ano 1974 e cando no seu pregón dixo: «Na miña patria, Ourense sobre o Miño, recordo sendo neno funcións semellantes ás que van a ser, de que vai ser un gran teatro Viveiro dentro de poucos días. Recordo a procesión dos Caladiños, as procesións polas rúas, as cerimonias conmovedoras e emocionantes do Desencravo de Cristo, o Sermón das Sete palabras»,

Os tempos non son aqueles 50 anos despois… non, pero o misterio a celebrar é o mesmo.

 

O misterio no que contemplamos a Xesús, o Lúcido, o Esperto, o Consciente, o Enterado, porque dábase conta do que se lle viña enriba. «Na véspera da festa da pascua, Xesús sabía que lle había chegado a hora de deixar este mundo para ir ao Pai» (Xn 13,1).

O misterio de Xesús, o Descartado, termo que evoca un longo proceso de conspiracións, tramas, manobras, traizóns e pactos entre os seus inimigos. En torno a Xesús foise tecendo unha rede sinistra, habilmente xustificada, con argumentos e razóns de todo tipo. «Convén que morra un só home polo pobo», sentenciou Caifás. Hai que descalificalo ata convertelo en sospeitoso, en procesado e presunto imputado. «Non oes de cantas cousas te acusan» dille Pilatos. Pero el permanecía en silencio» (Mt 27,14). Estaba envolto en silencio coma nun manto real, ese manto no que seguen envoltos hoxe os descartados do noso mundo.

 

O Vacío. Mellor o Vaciado, o Desfondado, o Quebrantado, o Fundido. Escribe Pablo sobrecollido: «Baleirouse de si mesmo, tomou a condición de escravo» (Fil 2,20). Tombado entre as oliveiras do horto, despoxado de forzas e de ánimo, seguiu empuxando a súa confianza ata os límites do imposible. «Non levedes alforxa, nin dúas túnicas…» aconsellou aos seus; el subiu ao monte e a túnica arrincáronlla antes de ser crucificado. «Espido saín do ventre da miña nai e espido volverei alí» dixera Xob (1,20). Había nacido espido e morría espido. Non aprenderá a protexerse antes e tampouco soubo facelo ao final. Tamén a el o seo da súa Nai Santa o recollía ao final da noite.

 

O Eufórico. A raíz grega vai máis alá dun estado de ánimo propenso o optimismo; euforos é alguén que leva ben unha carga, que conqueriu bos resultados, que é portador de algo bo ( froitos, novas felices, ledicia…). Cantas razóns tiña Xesús, o Crucificado, na mañá do primeiro día da semana para recibir ese nome. Cantas razóns temos nós para vivir xunto a el a súa EUFORIA pascual e ser testemuñas da Vida do resucitado.

 

Repasaremos a memoria da túa morte inxusta, Xesús, nos Gólgotas de tantas terras; traemos á nosa memoria ás dores e sufrimentos de tantas persoas nas Vías Dolorosas desta sociedade e deste mundo: as mulleres maltratadas e violentadas, os nenos abusados e escravizados, as terras ensanguentadas de violencia e guerra en tantos lugares da terra, tamén na túa, Nazareno; as familias sen traballo digno nin en condicións xustas; os migrantes que teñen por cemiterio un mar ou un océano ante a indiferenza de moitos de nós; os enfermos, a xente maior, moitos deles esquecidos e acurralados, xente que dun xeito ou doutro ve pisada a súa dignidade, os presos … os pobres, Xesús, os teus preferidos sempre: «Asegúrovos que canto fixestes cun destes irmáns meus máis pequenos fixéstelo comigo» (Mt 25,40). (…)»

 

Fragmento do pregón da Semana Santa 2024