O venres 1 de marzo celebrouse en Celanova a festa de San Rosendo, coa procesión e Misa presidida por Monseñor Lemos Montanet, quen destacou na sua homilía que «San Rosendo foi un home adiantado ao seu tempo e non só no que puideramos denominar aspecto relixioso-monástico, porque foi un fundador e reformador dun estilo novo de vida monástica, senón tamén no ámbito social e político, porque loitou pola procura do desenvolvemento do pobo humilde e sinxelo do ámbito rural onde fundou os seus mosteiros, conseguindo así que o don do Evanxeo de Xesús se espallase en medio do pobo facendo que a paz se convertira en realidade en todos os lugares.

Durante este Ano da Oración, cuxa porta simbolicamente se fai presente diante de nós cada vez que abrimos neste templo a porta deste fermoso sagrario onde gardamos ao mellor veciño de Celanova, a Igrexa pídenos que abramos tamén a nosa vida ao perdón e así nos deixemos reconciliar co Pai. Na medida na que cada un de nós se deixe perdoar por Deus, de igual modo seremos capaces de perdoar aos demais, comezando polos máis próximos. Dádevos conta, meus queridos irmáns e irmás, que vivimos nunha sociedade na que á xente lle resulta moi difícil perdoarse, mesmo entre irmáns de sangue, entre os máis achegados, quizais por unhas terras que van a quedar aquí cando morramos – e tarde ou cedo todos morreremos  – ou por cousas de pouca importancia corremos o risco de pechar a nosa existencia ao perdón e á misericordia. Non pensemos coma aqueles vendimadores que, pensando mal e actuando moito peor, non cumpriron coa a súa obriga e chegaron a matar a aquel que era o dono das vides e que simboliza o corazón de Deus Pai».