Benquerido irmán sacerdote:

Infórmovos que na conserxería do Bispado está á vosa disposición a nova reedición actualizada do Misal Romano en galego. Quixera dicirvos, para a vosa información, que a presente versión en lingua galega do Missale Romanum, actualizada de acordo ás indicacións do Dicasterio para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos, presentada polos Bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela, foi aprobada na CXVII Asemblea Plenaria do Episcopado Español nos días do 19 ao 23 de abril do 2021, e confirmada polo Dicasterio para o Culto Divino, o día 3 de marzo do 2022 (Prot. N. 531/20).

Seguindo as orientacións do mencionado Dicasterio, nesta reedición actualizouse a Ordenación Xeral do Misal Romano, o Ordinario da Misa, incluíndo a tradución do “pro multis” no relato da institución nas Pregarias Eucarísticas e os formularios do Propio dos Santos correspondente á editio typica tertia, promulgada por decreto da Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos con data do 20 de abril do ano 2000 (Prot. 143/00/L) e a reimpresión emendata do ano 2008 (Prot. 652/08/L). Inclúense tamén os formularios do Propio dos Santos que se teñen incorporado despois de dita edición.

Como ben sabedes a terceira edición do Misal Romano é a continuación das outras dúas publicadas despois do Concilio Vaticano II (nos anos 1970 e 1988 respectivamente) e está na liña delas. Esta edición supón un notable enriquecemento en relación ás anteriores; de feito, a terceira edición ofrece unha tradución ao castelán con abundantes cambios de expresión, retoques e precisións; todo isto para preservar a fidelidade ao texto latino orixinal de 2008. Así mesmo, tamén se enriqueceron as rúbricas para facilitar a súa comprensión e desenvolvemento dentro da celebración.

A Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela foi autorizada pola propia Conferencia Episcopal Española para facer uso dos dereitos patrimoniais de propiedade intelectual necesarios para realizar en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades esta edición non venal do Misal Romano en lingua galega. Asinouse un Convenio co obxectivo de editar dito libro litúrxico en lingua galega cunha tiraxe de 1.500 exemplares. Ao tratarse dunha edición subvencionada non destinada á venda e dado que estes exemplares teñen que ser repartidos entre as cinco dioceses da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela e na parte ourensá da diocese de Astorga, adoptouse como criterio de distribución un exemplar por sacerdote con encomenda pastoral e o resto para outras institucións diocesanas. Máis adiante estudiarase a posibilidade de facer outra edición á venda e distribuída nas librarías diocesanas.

Por decreto dos Bispos da Provincia eclesiástica de Santiago de Compostela, esta reimpresión actualizada do Misal entrou en vigor a partir das misas vespertinas do Domingo I de Coresma (sábado 17 de febreiro do 2024), sendo obrigatoria a súa utilización a partir dese momento en tódalas misas que se celebran en lingua galega nas dioceses da Provincia Eclesiástica de Santiago de Compostela e na parte da diocese de Astorga, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia.

Que esta reimpresión actualizada do Misal Romano en galego sexa unha invitación a redescubrir a beleza da liturxia que brota da harmonía dos xestos e das palabras e tamén principio dunha maior sensibilidade cara á progresiva incorporación da lingua galega na liturxia.

 

 

J. Leonardo Lemos Montanet

Bispo de Ourense

Presidente da Comisión Episcopal para a Liturxia da Conferencia Episcopal Española

Delegado dos bispos de Galicia para a Liturxia

Delegado Nacional para os Congresos Eucarísticos Internacionais