Como é habitual nos últimos anos, a presentación da memoria de actividades da Diocese de Ourense, á que se unía a entrega das Medallas Pro Ecclesia Diocesana na súa terceira edición, continuou o seu percorrido pola Diocese, despois de terse celebrado na cidade de Ourense, en Ribadavia, en Xinzo e no Carballiño, achegándonos nesta ocasión a Celanova, ao auditorio municipal Ilduara, que quedou pequeño para acoller aos centos de persoas que se uniron a este evento diocesano.
O Bispo da Diocese, os párrocos da vila, D. Santiago e D. Miguel, o alcalde de Celanova e os alcaldes dos concellos da comarca así como daqueles de onde algún dos galardonados coas Medallas Pro Ecclesia diocesana son naturais, o Subdelegado de Defensa, representantes da Xunta, da Deputación provincial, da Garda Civil, da Policía Nacional e de outras institucións civís, militares e eclesiásticas, así como representantes de asociacións culturais e sociais das Terras de Celanova quixeron participar neste acto que contaba tamén coa presenza de numerosos sacerdotes das parroquias da contorna de e de fieis chegados dende distintos puntos da Diocese.
O acto comezaba coa actuación da Coral Solpor e cun repaso pola memoria de actividades da Diocese por parte dos presentadores, a directora da Oficina de Sostemento e responsable de Comunicación da Diocese, Cristina Rodríguez, e o locutor da Cadena Cope Vidal López. Unha memoria que responde, por unha parte, á vontade de transparencia, de dar a coñecer claramente que se fai e con que recursos, e que nos fala dos 2.000 axentes de pastoral entre sacerdotes, seglares, relixiosas e relixiosos, que adican o seu tempo á igrexa, moitos deles maiores despios de ter adicado unha vida enteira ás súas parroquias, como é o caso dos párrocos eméritos de Celanova, D. César, D. Benito e D. Manuel. Hai tamén páxinas adicadas aos catequistas que destinteresadamente adican o seu tempo á formación na fe de nenos e mozos, aos voluntarios e traballadores de Cáritas que fan posible que cada ano se atenda en Ourense a 33.000 persoas dende as necesidades máis básicas. 
As páxinas da memoria reflicten tamén as actividades destinadas ás familias, ós nenos e mozos, a atención ós que sofren as consecuencias dos accidentes de tráfico ou a perda dun ser querido a través da Pastoral da Estrada, o traballo coas persoas maiores, a pastoral penitenciaria, a riqueza dos nosos seminarios e a pastoral vocacional, a labor dos misioneiros ourensáns que entregan a súa vida en trinta países do mundo, os proxectos de Mans Unidas respondendo á emerxencia social en países en vías de desenvolvemento, os datos dos santuarios e a relixosidade popular, a Pastoral da Saúde, os preto de 7.000 alumnos dos centros concertados e a labor do arquivo histórico diocesano.
No ano 2025 investíanse preto dun millón de euros en obras para a rehabilitación do noso patrimonio en distintas parroquias da Diocese, e a Catedral de Ourense recibía máis de 43.000 visitantes. Todo isto ten un impacto enorme na nosa sociedade.
Esta presentación é unha ocasión tamén para facer memoria dos grandes acontecementos vividos ao longo do ano 2025, un ano no falecía o Papa Francisco, ao que despediamos agradecidos polo seu legado, e no que comezabao pontificado do Papa León XIV, no que vivíamos o Ano Xubilar da esperanza, cuxa clausura na Catedral ilustra a portada da memoria do ano 2025, levándonos a peregrinar a Roma en varias ocasións, e no que se celebraba o primeiro Congreso Internacional de Acompañamento Familiar, organizado polo Instituto da Familia, ou a canonización dos primeiros santos venezolanos, San José Gregorio Hernández e Santa María Carmen Rendiles.
O Vicario para o Patrimonio e o Sostemento da Igrexa, D. Raúl Alfonso González, lembraba que esta presentación se realiza sempre nos días previos á celebración do Día da Igrexa Diocesana, que nos lembra este ano co seu lema que Deus conta con nós, e que a nosa Igrexa é unha gran familia na que todos somos importantes e necesarios.
Tamén neste día se facía mención do premio Igrexa Sostible que acaba de recibir por parte da Conferencia Episcopal o Seminario Menor A Inmaculada, avanzando no compromiso e a corresponsabilidade para construir xuntos comunidades máis plenas, tal e como explicaba o formador do Seminario Menor David Muñoz.
Durante este acto viviuse un momento moi especial coa homenaje a Dna. Mari Carmen Pintos, traballadora da parroquia de Santiago de As Caldas, secretaria do Consello de Pastoral diocesano e colaboradora en moitos ámbitos da vida da Diocese de Ourense que falecía recentemente e que, a través do testemuño dalgúns dos seus amigos máis cercanos, nos deixaba a mostra máis clara de que vivir dende a entrega e o compromiso no só converte a propia vida en máis plena, senon que crea comunidade e deixa un legado fecundo e imborrable en todo o que hai ao redor desa vida.
 
O acto culminaba coa entrega das Medallas Pro Ecclesia Diocesana 2026, impoñendo Monseñor Lemos Montanet a medalla aos homenaxeados nesta edición:
– Vila de Celanova: segrares que constrúen a historia e a vida da súa Igrexa local. Beatriz Mosquera González e Delfina Vázquez Martínez.
Beatriz Mosquera González, profesora de Relixión en Celanova, dedicou moitos anos ao servizo da Igrexa cunha presenza xenerosa e discreta, tanto na vida da parroquia como no ámbito diocesano. De xeito especial, cómpre salientar a súa entrega á catequese e á formación cristiá, acompañando nenos, mozos e novas xeracións no coñecemento e na vivencia da fe.
Delfina Vázquez Martínez viviu sempre moi vinculada á parroquia, facendo do seu servizo á comunidade unha presenza constante, atenta ás necesidades de cada momento e colaborando con dispoñibilidade nas tarefas sinxelas e cotiás. Tamén coidou con especial proximidade os sacerdotes que pasaron pola parroquia. Todo iso nace dunha profunda vida de fe, alimentada pola fidelidade e a oración diaria.
– As sacristanas da UaP de Celanova Dna Carmen Álvarez e Dna Celsa Yáñez, sacristanas da parroquia de San Salvador de Paizás e Dolores Seoane, sacristana de San Xurxo de Acevedo do Río, son unha mostra de que hai persoas cuxa presenza sostén a vida dunha parroquia dun xeito silencioso e constante, ofrecendo con esmero o seu tempo e os seus coidados para que as igrexas sexan lugares dignos e acolledores, onde a comunidade poida reunirse e celebrar a súa fe con comodidade. Coñecen cada recuncho das súas igrexas, perciben as necesidades e mobilízanse para atopar unha solución. Tamén coidan das persoas que forman parte da comunidade. Interésanse polos veciños, reparan nas ausencias e procuran saber se alguén está a pasar por algunha dificultade. Nesa proximidade cotiá exprésase unha maneira de vivir a Igrexa que une a oración, o servizo e o coidado das persoas.
– D. Antonio Zúñiga Mosquera, sancristán de San Vicente de Lobeira, que leva 80 anos exercendo este ministerio. Con apenas dez anos comezou a axudar na súa parroquia como sancristán. Foi zapateiro e traballador de FENOSA, pero nunca deixou de dedicar tempo ao seu labor de sancristán. Discreto e servicial, quen o coñece destaca que calquera persoa lle pode contar calquera cousa e que el axudará a solucionala sen dicir nada a ninguén. Para el, as necesidades da parroquia, tanto materiais como espirituais, eran o primeiro: o chan, a calefacción, o tellado, a limpeza do adro e do cemiterio, a axenda parroquial… e, especialmente, o coidado da capela e a devoción á Nosa Señora do Viso.
– D. Juan Bande Alonso, veciño de Ribadavia, coñecido pola súa implicación en actividades e asociacións a prol da vila. Colaborou de maneira constante en iniciativas e actividades encamiñadas á conservación, recuperación e difusión do patrimonio de Ribadavia. No ano 2017 promoveu e impulsou a constitución da Asociación Amigos do Patrimonio Relixioso de Ribadavia, asumindo desde entón a súa presidencia, cargo que agora deixa por motivos de idade. Grazas á actividade desta asociación, en colaboración coa parroquia, foi posible restaurar o retablo do altar maior de Santo Domingo, conseguir unha subvención para o tellado e a limpeza dos muros deste templo, así como levar a cabo outras actuacións que están actualmente en marcha. Un recoñecemento que se fai extensivo aos membros da Asociación de Amigos do Patrimonio Relixioso de Ribadavia pola súa entrega e preocupación por coidar e protexer o que é de todos.
– As parroquias de Santa Teresita do Neno Xesús e de Herz Marie (Corazón de María), da localidade alemá de Bochum, polo seu testemuño do que significa a comuñón de bens entre parroquias, doaron á parroquia de San Cibrao do Carballiño tanto un órgano mecánico, a primeira delas, como, por parte da segunda, un sagrario con cruz e frontal de cobre, un relicario da Vera Cruz, varias custodias, dous cálices, un copón, unha cruz procesional, catro baixorrelevos de madeira, tres campás de aceiro, unha icona mariana, dous ambóns, cinco paneis de madeira tallada, un incensario, dous reclinatorios, case unha vintena de candeeiros e outros obxectos, vestiduras e ornamentos litúrxicos. Deste xeito, deron exemplo e testemuño da comuñón de bens entre parroquias. Unha medalla que recollían, chegados dende Alemania, A Sra. Hidegard Appelhoff, o Sr. Karl Appelhoff e o Sr. Andreas Bertlet, que contaron coa axuda, para a traducción, de Pilar Araújo, da parroquia de San Pío X.
– O matrimonio formado por María Luisa Álvarez Iglesias e o seu esposo, Enrique Martínez Calviño, fregueses da parroquia da Nosa Señora de Fátima, en Ourense. A súa vida cristiá caracterizouse polo servizo ás familias e, de maneira especial, polo acompañamento a matrimonios que atravesan momentos de dificultade. Pertencen ao movemento dos Equipos de Nosa Señora e, na súa parroquia, dan testemuño da forza dunha fe vivida en comunidade. A isto súmase o seu compromiso solidario coa asociación contra o cancro, colaborando no acompañamento de persoas enfermas e das súas familias en etapas especialmente delicadas da vida. A súa proximidade, dispoñibilidade e capacidade para estar ao lado de quen sofre constitúen un testemuño concreto de caridade cristiá e de servizo á Igrexa e á sociedade.
– O coro de Entrimo, agrupación coral da Baixa Limia, formada por 23 persoas, fieis da UaP de Entrimo-Lobios, concretamente das parroquias de Santa María a Real de Entrimo, San Martiño de Araúxo, San Pedro Fiz de Galez, San Lourenzo da Illa e San Facundo de Pereira, é amplamente recoñecida pola súa participación na solemnización de festividades relixiosas, romarías tradicionais e celebracións litúrxicas solemnes, tanto no seu municipio como en romarías de localidades veciñas ou na Novena de Fátima en Ourense. O coro mantén vivas composicións relixiosas tradicionais da zona, interpretando pezas devocionais populares como os Gozos a San Roque en distintos núcleos rurais. Recollía a medalla no nome do coro o seu director, José Rodríguez Paz.
O Bispo de Ourense pechaba as intervencións dunha tarde especialmente emotiva agradecendo a súa presenza a todos cantos se achegaron a Celanova dende distintos puntos da Diocese, ás autoridades, ós galardonados pola súa labor e, a través deles, a tantas persoas que coa súa entrega e compromiso fan Igrexa, sociedade, futuro e esperanza, á Coral Solpor, ó concello de Celanova por ceder as instalacións e os medios técnicos para este acto e a todos os que dun xeito ou doutro colaboraron para facelo posible.
A xornada remataba coa intervención do Coro de Entrimo e cun viño de honra compartido que acompañou musicalmente a Charanga Gárgolas de Celanova.