Os delegados de Pastoral Vocacional das dioceses galegas reuníronse este mércores en Meira (Lugo) no seu habitual encontro trimestral, acompañados polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos. Na reunión estiveron presentes os delegados de todas as dioceses excepto o de Tui-Vigo que se escusou no último momento por problemas persoais.
Durante a reunión revisaron a Asemblea Interdiocesana de Vocacións que tivo lugar en Santiago o pasado mes de novembro e que resultou un éxito de participación e de contidos. Desde as conclusións que se expuxeron durante aquel encontro, os delegados dialogaron sobre as actitudes, problemáticas e actividades que se han de coidar e resolver para xerar unha cultura vocacional e para asentar o Servizo Diocesano de Vocacións de cada diocese. Na reunión compartiron tamén as súas actividades e programaron futuros encontros.
A xornada serviu tamén para coñecer o rico patrimonio de Meira e para compartir un tempo de convivencia.