O xoves 6 de novembro presentábase no Auditorio Municipal de O Carballiño a memoria de actividades da Igrexa en Ourense correspondente ao ano 2024, no que supón unha oportunidade de transparencia e apertura, amosando qué somos, qué facemos e con qué recursos, económicos pero sobre todo humanos: 229 sacerdotes, 271 relixiosos e relixiosas, 865 catequistas… tantas persoas que adican o seu tempo e esforzo aos demais movidos pola súa fe.

Unhas páxinas nas que aparecen a pastoral familiar, con nenos e mozos, o ámbito educativo e vocacional, o traballo cos nosos maiores, a realidade da Vida Consagrada en Ourense,  a pastoral penitenciaria e da saúde, os sacramentos, a acción caritativa e social da Igrexa en Ourense, o ámbito das misións, a realidade patrimonial e cultural… e tantos outros ámbitos onde está presente a Igrexa, ademáis da información económica relativa ós recursos que fan posible esa labor.

DESCARGAR Memoria de actividades 2024.

Nesta xornada contouse coas actuacións musicais de membros da Banda de Gaitas e Danzas de O Irixo, de Marisabell Reyes e dos nenos de 6º de Primaria do colexo Sagrado Corazón de O Carballiño, participando no evento representantes das distintas institucións civís e militares da Diocese así como coas autoridades eclesiásticas unha ampla representación tanto do Carballiño coma de Laza, Parada de Sil, Ourense, Verín…

No marco desta presentación o Bispo de Ourense, Monseñor Lemos Montanet, entregaba as Medallas Pro Ecclesia Diocesana, un recoñecemento que ten por obxecto destacar a labor levada a cabo por aquelas persoas físicas, asociacións ou institucións que se teñen distinguido na súa entrega, implicación, adicación de tempo ou aportación económica para a xestión ordinaria ou proxectos concretos da súa parroquia ou da Igrexa diocesana, sendo concedidas no 2025 a:

Santa Mariña de Retorta. Durante o pasado mes de agosto distintas zonas da Diocese sufriron unha vaga de lumes. O domingo 17 a igrexa parroquial de Retorta (Laza) viuse ameazada por un incendio. Ante a escaseza de medios, os veciños non dubidaron en saír con urxencia cos seus tractores con remolques cisterna, con palas e outros medios, atentos e dispoñibles para salvagardar o seu templo, que coidan habitualmente tamén con esmero. Horas máis tarde o lume achegouse aos seus fogares e nesa ocasión si tiveron que empregarse a fondo para que non arderan vivendas.

Este recoñecemento, outorgado a esta candidatura concreta que foi presentada para as Medallas Pro Ecclesia, faise extensivo tamén ós fregueses de tantas parroquias (Avión, Ribadavia, Beade, Carballeda de Avia, Oimbra, Monterrei, Cualedro, Verín, Laza, Maceda, Xinzo de Limia, Vilar de Barrio, San Cibrao das Viñas, Quins, Ourense…) que sufriron as dolorosas consecuencias dos incendios. Tamén Quins, onde a igrexa se viu tamén ameazada polo lume e protexida polos vecinos, e seguro noutros lugares, os cemiterios, capelas foron coidados, pois iso, como algo propio.

Evaristo Castro Piñeiro, sancristán de Mesego (O Carballiño), a quen os seus veciños describen coma un home serio, cabal, que centrou a súa vida en torno a dous piares: a Igrexa e a súa familia. Apaixonado da música, nunca falta no día a día da igrexa de Mesego e onde sexa requirido, sempre disposto a axudar, afable, xeneroso e discreto, pendente de cada detalle. Un home de profunda fe que colaborou sempre con afecto con todos os sacerdotes que teñen pasado pola parroquia.

Colexio Plurilingüe Santo Ángel – Calasancias, candidatura presentada no marco do centenario do colexio Santo Ángel, por eses cen anos educando xeracións de nenos e nenas en Ourense, acompañando familias e medrando xuntos en valores, coñecemento e esperanza. Xeracións de nenos e nenas teñen pasado polas súas aulas, levando consigo, aló onde teñen ido, a pegada do carisma Calasancio, para axudar a cada alumno a descubrir a súa identidade, os seus talentos e a súa vocación. Educar non só é transmitir saberes, senón tamén acompañar aos nenos e mozos na aventura de coñecerse, de aprender a convivir e de atopar o seu lugar no mundo.

Gregoria Rodríguez Blanco, Aliada (pertence ó Instituto Secular Alianza en Jesús por María) nacida en Meire (Allariz) hai 92 anos, desenrolou a súa vida laboral traballando nunha Farmacia. Cando deixa esta tarefa, comeza a súa andadura na Delegación diocesana de Catequese, onde se converte nun referente: adicou 25 anos a esta labor, mentres a acompañaron as forzas, cun horario con dedicación completa, sen querer percibir nunca ningún tipo de  retribución, entregando a súa vida ó traballo pola Igrexa coa súa presenza cada día nas oficinas do departamento de Catequese e Ensino.

María Benita Rodicio, freguesa da parroquia de Santa Cristina de Caxide (Parada de Sil), na que todos os días do ano hai flores naturais gracias a ela e a igrexa está quente para os demais porque ela acende a calefacción. Sempre disposta a colaborar e tomando a iniciativa, promotora das obras esenciais como o teito e o chan da igrexa, obras de relevancia económica e que polo tanto implicaban un risco á hora de pagar: un afrontar o medo e solucionar os problemas no que facía moito a súa fe cristiá. Orfa de nai dende moi nena, converteuse en nai de seus dez irmáns, sendo unha auténtica guía espiritual e terreal da súa familia. Foi mestra na escola de Teimende e catequista durante moitos anos en distintas partes de Ourense.

Rosa María Carrasco Araújo, natural de Nocedo do Val, ademais de polo seu servizo discreto e axuda desinteresada no ámbito parroquial en Verín, como catequista de mozos confirmandos entre outras moitas tarefas, pola súa colaboración con actividades diocesanas coma o campamento de verán en Porto do Son, no que exerceu como  monitora, preocupándose do resto de monitores e voluntarios do campamento. Por adicar o seu tempo e esforzo aos demáis por amor á Igrexa, sempre cun sorriso.

Irmandade Penitencial e confraría de Nazarenos da Vera Cruz de O Carballiño, erixida canónicamente en decembro do 2007. Dende o seu nacemento preocupouse por recuperar tradicións e impulsar as procesións e demais actos de piedade da Semana Santa da Vila do Arenteiro; recuperando e restaurando imaxes xa existentes, así como enriquecendo o patrimonio cultural e artístico ao adquirir novas imaxes que, durante a Semana Santa, procesionan polas rúas de O Carballiño. Sen dúbida, o traballo da confraría, que na actualidade conta con douscentos confrades, permitiu o impulso das procesións e demais actos de piedade, atraendo fieis e turistas á vila, o que levou a que o pasado mes de xuño a Xunta de Galicia recoñecese a Semana Santa do Carballiño como festa de Interese Turístico de Galicia.