O luns 7 de abril tiña lugar no Bispado de Ourense o acto de presentación conxunta, por primeira vez, dos carteis e celebracións de Semana Santa na cidade e nas vilas da Diocese: Allariz, Bande, Carballiño, Castro Caldelas, Celanova, Los Milagros, Oímbra, Ribadavia, Verín y Xinzo.

Comezaba o acto coa intervención de Monseñor Lemos Montanet, quen saudaba ás autoridades presentes «Sr. Delegada de presidencia da Xunta de Galicia, Sr. Tenente alcalde e Concelleiros do Concello de Ourense, Deputado provincial, Sra. alcaldesa de Castro Caldelas, as demais autoridades civís e militares, ao Director do Secretariado de Irmandades e Confrarías, aos Irmáns maiores das confrarías e Irmandades da nosa diocese, Sr. Deán, benqueridos sacerdotes, membros da Curia diocesana, membros das asociacións, grupos e movementos laicais e á prensa que vos atopades aquí esta mañá. É para min unha honra estar aquí hoxe, nesta ocasión tan significativa, xa que por primeira vez presentamos de forma conxunta os actos que conmemorarán a Semana Santa tanto na cidade, como nas principais vilas da nosa diocese«.

O Bispo de Ourense quixo destacar que «a Semana Santa, non é só un tempo no calendario, non é unha semana máis do ano na vida dos cristiáns e dos cidadáns, senón que é unha ocasión propicia para profundar na nosa fe, reflexionar sobre os valores que nos unen e a fortalecer os nosos lazos como comunidade.

A Semana Santa ofrécenos a oportunidade de contemplar e conmemorar os misterios centrais da nosa fe, os momentos, podemos dicir, máis salientables da vida de Xesucristo: a súa Paixón, Morte e Resurrección. Estes eventos son o corazón da nosa fe cristiá e ensínannos leccións fundamentais sobre o amor, o sacrificio, a redención e como non, neste Ano xubilar, de forma especial, a esperanza.

As orixes da Semana Santa na nosa cidade remóntanse  ós séculos XIV e XV grazas aos frades franciscanos, foron manifestacións apoiadas polos gremios de artesáns e comerciantes da cidade e propiciaron a creación da Confraría da Santa Beira Cruz, á que seguirían a Confraría do Santo Cristo, a Confraría da Virxe dos Dores, a Confraría de Santa María Nai e a do Santo Encontro, con gran influencia nos séculos XVIII e XIX. O mesmo sucedeu nas Vilas e pobos da nosa xeografía, onde os fieis xunto cos seus párrocos foron coidando e potenciando os actos da Semana Santa: as celebracións litúrxicas, os momentos de oración, os actos sacramentais, e as procesións. Nalgúns lugares con gran tradición desde séculos pasados. Tradicións que nalgúns casos perdéronse e noutros se recuperaron nos últimos anos, como é o caso de O Carballiño, Oimbra e tamén Castro Caldelas.

Podemos dicir que as procesións son, sen dúbida, unha das manifestacións máis fermosas e emotivas da Semana Santa. As imaxes que procesionan en distintos puntos da nosa xeografía diocesana, son máis que simples esculturas ou obras de arte; son símbolos da nosa historia, das nosas tradicións e da nosa identidade como comunidade cristiá.

Cada paso que damos nestas procesións é un testemuño público da nosa fe e do noso compromiso cristián; é unha forma de evanxelizarnos e de evanxelizar, de levar o sacro aos espazos públicos, de achegar a nosa fe aos afastados e aos non crentes.

A Semana Santa tamén é un tempo para a reconciliación. Nun mundo que a miúdo parece dividido e polarizado, é fundamental atopar o camiño cara ao perdón e a comprensión. Animo a todos os fieis a aproveitar estes días para sandar as relacións que poidan estar fracturadas.

Desde aquí, gustaríame facer un chamamento especial aos nosos mozos. Eles son o presente e o futuro de nosa Igrexa e da nosa sociedade. A participación activa dos mozos é esencial para manter viva a nosa tradición e para revitalizar as nosas comunidades.

Gustaríame tamén agradecer ás autoridades, non só a súa presenza aquí nesta mañá, senón tamén a súa axuda, xa que en moitos casos o seu apoio é invaluable para que podamos levar a cabo estas celebracións na xeografía da nosa Igrexa Diocesana. A colaboración entre a Igrexa e as institucións é un exemplo de como podemos traballar xuntos polo ben común. Nestes tempos de desafíos, é máis importante que nunca que nos unamos ao redor de valores compartidos, como a xustiza, a paz e a solidariedade.

Finalmente, quero concluír lembrándolles que a Semana Santa é un tempo de transformación. Non se trata só de revivir os eventos históricos, senón de permitir que eses eventos transformen nosas vidas. Convídolles a que esta semana se converta nun espazo de encontro con Deus, un tempo para escoitar a súa voz e deixar que o seu amor cambie os nosos corazóns».

A continuación, D. Francisco López, Vicario para os laicos familia e vida quixo facer un repaso polas principais procesións e celebracións que se recollen nestes carteis, comezando polo vindeiro mércores, ás oito e cuarto da tarde, en que terá lugar na Igrexa de Santa Eufemia, a lectura do Pregón da Semana Santa por parte do Rvdo. D. Óscar Martínez Caamaño, delegado episcopal para o xubileu 2025 e párroco da UAP de Verín. Coa súa intervención axudaranos a penetrarnos na semana central dos cristiáns. Á lectura do pregón seguiralle un concerto da Escola Madrigalista.

Xa o venres día 9, ás 8 e media da tarde, partirá da nosa catedral o viacrucis diocesano, polas rúas do centro histórico. Este ano este viacrucis ten unha novidade, e é que procesionará polas rúas a imaxe do «Cristo dos Desamparados» tan querida e con tanta devoción para os nosos fieis.

O mesmo venres e á mesma hora, terá lugar no Carballiño a procesión do traslado da virxe dolorosa.

O domingo día 13, os cristiáns conmemoramos a entrada triunfal de Xesús na cidade Santa de Xerusalén, cando os contemporáneos de Xesús encomiábanlle con cantos. Hosanna ao fillo de David! e con palmas e ramos aclamábanlle. Na nosa cidade terá lugar a bendición de ramos, ás 11.30, no parque de San Lázaro e logo a procesión coa imaxe da «borriquilla» ata a Catedral, onde o noso Bispo presidirá a celebración da Eucaristía.  

Ademais, noutras vilas e pobos terán lugar as bendicións de ramos coas súas respectivas procesións. Tamén en numerosas parroquias da nosa diocese os sacerdotes bendirán os ramos e celebrarán a eucaristía, neste día tan entrañable para o pobo cristián, de forma especial para os máis pequenos dos nosos fogares, que son os «protagonistas» deste domingo.

O Mércores Santo, tradicionalmente, na nosa diocese é o día en que se celebra a Misa Crismal, celebración na que o Bispo xunto co presbiterio diocesano renova as promesas sacerdotais, e bendinse os santos óleos e conságrase o Santo Crisma. Este ano esta celebración ten dúas novidades, por unha banda, a Santa Misa terá lugar na Catedral o mércores ás 12 da mañá (tradicionalmente tiña lugar pola tarde) e ademais neste día celebraremos honraremos aos sacerdotes que cumpren durante o ano 2025, 25, 50, 60 e 70 anos de ordenación sacerdotal.

A tarde noite do mércores, terá lugar no barrio da Carballeira, a procesión coa imaxe do Nazareno, organizada pola confraría do Paso de Xesús Nazareno.

O xoves Santo, moitas das igrexas da cidade, así como nos templos das vilas, os fieis terán a posibilidade de achegarse ao sacramento da penitencia, habendo sacerdotes dispoñibles para a confesión.

Na tarde do Xoves Santo, día eucarístico e sacerdotal, terá lugar, en moitas das parroquias da nosa diocese a celebración da Cea do Señor, co traslado posterior do Santísimo ao Monumento, lugar no que os fieis poderán orar e acompañar a Xesús na súa Paixón.

A última hora da tarde teremos a procesión do Cristo do Perdón en Belle, a de Xesús no Horto en Xinzo de Limia, a da Sentenza e a Esperanza en Carballiño, a dos Caladiños na capital do Ribeiro, ademais do acto do prendemento de Cristo, Oficio de Tebras e procesión de penitentes en Oimbra.

O Venres Santo, pola mañá, ten lugar en Ribadavia a procesión do Santo Encontro e no Carballiño a procesión do Cristo da Saúde.

Xa pola tarde celebraranse os oficios do Venres Santo, único día do ano en que non se celebra a Eucaristía, senón que no seu lugar adórase a cruz, onde Cristo entregou a súa vida por amor a cada un de nós.

Terminadas estas celebracións vespertinas terá lugar o «acto do desencravo» nas vilas de Oimbra, Celanova, Verín e Allariz. Seguidos da procesión do Santo Enterro.

Na explanada do Santuario dos Milagros, terá lugar un viacrucis procesional, coas imaxes do Cristo yacente e a Dolorosa.

Ademais, teremos a procesión do Santo Enterro na cidade, presidida polo noso Bispo, que partirá da Catedral e terminará cun acto final na Praza Maior.

Tamén haberá procesións do Santo Enterro en Carballiño e Xinzo, así como a procesión da Dolorosa en Bande e a dos Caladiños en Castro Caldelas.

O Sábado Santo é no día en que a Igrexa espera expectante a Resurrección do Señor. Comezamos o día, á primeira hora da mañá, coas procesións da Soiedade, tanto na cidade, partindo do templo da Santísima Trindade, así como na vila de Allariz.

Chegada a noite, ao poñerse o sol, comezarán as solemnes Vixilias Pascuais, tanto na catedral como en moitos templos parroquiais da nosa cidade e de tantas vilas e pobos da nosa diocese. Os cristiáns celebramos alegres a resurrección do Señor, o triunfo da Vida sobre a Morte.

O domingo de Pascua ten lugar na nosa cidade, a procesión do encontro, coa imaxe de Santa María Nai, patroa da Diocese, desde o seu templo ata a Catedral, onde ten lugar o encontro co Resucitado na girola da nosa Catedral. Terminada a misa do domingo de Pascua, parte da Catedral, a coñecida como procesión do Desplante, coa imaxe da patroa da Diocese.

Ademais, tamén haberá procesións do encontro en Allariz e Carballiño.

«Como vemos, son moitas as celebracións, actos devocionais e procesións que durante os próximos días terán lugar na nosa xeografía diocesana«, sinalaba D. Francisco López. «Todo iso, pode levar a cabo, ano tras ano, grazas ao traballo e ao esforzo dos sacerdotes e fieis. Por iso, ademais de agradecer ás autoridades públicas o seu traballo e colaboración, como xa fixo o noso Bispo, quero tamén agradecer o labor das irmandades e confrarías de toda a Igrexa diocesana, así como a todos os fieis laicos, que de forma desinteresada colaboran nas súas comunidades parroquiais, ou nas UAPs para que podamos celebrar de forma digna e con solemnidade os misterios centrais da nosa fe. A súa dedicación e esforzo son o corazón que latexa en cada celebración, en cada acto, en cada procesión, o piar que sostén a nosa devoción. A súa nobreza e fortaleza son un reflexo do amor que sentimos pola nosa fe e as nosas tradicións. Todos eles son os que, con cada paso, lémbrannos o verdadeiro significado da Semana Santa.

Aos voluntarios e colaboradores das nosas parroquias agradecemos o seu compromiso e traballo. O seu labor na organización, na preparación e no acompañamento permítenos vivir esta experiencia con intensidade e fervor. Sen a súa dedicación, moitas, por non dicir todas, as actividades que se organizan non serían posibles. Hoxe, convídolles a continuar traballando xuntos, a fortalecer eses lazos de fraternidade que nos unen e a vivir esta semana Santa co espírito de comuñón que nos caracteriza. Que todas e cada unha das persoas que traballan e colaboran en cada lugar de Ourense, sintan o agradecemento de toda a nosa diocese, e que xuntos sigamos facendo de Ourense un lugar onde a fe e a tradición brillen con forza. Que Divos bendíganos e guíenos como peregrinos neste fermoso camiño de esperanza que compartimos. Grazas!«