As dioceses de Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo presentaban o 24 de novembro, en Santiago de Compostela, a súa Memoria de Actividades correspondente ao ano 2025. A Igrexa galega celebraba este acto conxunto nun exercicio de transparencia, recoñecemento e agradecemento, para dar a coñecer a súa vida e a súa misión, explicar o destino dos recursos que recibe e agradecer a colaboración de quen sostén as súas comunidades, nunha edición na que se daba prioridade ás historias persoais.

Tres preguntas para achegarse á vida da Igrexa

A xornalista Paula Pájaro conducía o acto, que se organizaba ao redor de tres preguntas: «Como anunciamos hoxe a Xesucristo?», «Como facemos presente o amor de Cristo xunto a quen máis sofren?» e «Como construímos unha Igrexa que sexa comunidade e xere esperanza?». Cada bloque abríase cun vídeo que recollía fragmentos de discursos pronunciados polo papa León XIV durante a súa visita a España e daba paso aos testemuños dos seus protagonistas. A artista Icía Varela encargouse do apartado musical.

O primeiro bloque abordaba a transmisión da fe e a achega da educación católica ás familias e á sociedade, o segundo deles o servizo relixioso hospitalario e o terceiro bloque detívose na vida parroquial e na implicación dos laicos para soster as comunidades rurais, nun territorio como é o galego, marcado pola dispersión e o envellecemento, compartindo a experiencia de Isidoro Fernández, fregués de San Miguel de Calvelle.

O tramo final do acto estivo dedicado ao Ano Santo Compostelán de 2027. Unha breve entrevista ao arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto, e a proxección dun vídeo promocional achegaron o horizonte desta celebración e a acollida que a Igrexa quere ofrecer aos peregrinos. O bispo de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, clausurou o encontro en representación dos bispos da Provincia Eclesiástica de Santiago.