A parroquia do Burgo de Caldelas converteuse no epicentro da memoria histórica e o recoñecemento cultural de Galicia. O acto conmemorativo dos 798 anos do Foro do Bo Burgo serviu de marco para unha solemne entrega de premios que conectou o esplendor medieval da provincia cos seus referentes contemporáneos.
A cita incluíu a exposición “Os Mundos Oterianos dende Caldelas”, unha mostra que rende tributo á profunda vinculación do escritor Ramón Otero Pedrayo con esta comarca ourensá. A apertura oficial correu a cargo de José Manuel Armesto, cura párroco do Burgo e secretario do evento, quen procedeu á lectura oficial da acta. Posteriormente, Manoel Carrete, membro do xurado, ofreceu unha intervención centrada nos lazos históricos que lexítiman estes galardóns no corazón da Ribeira Sacra.
Monseñor Leonardo Lemos: a fe no idioma propio
O momento cumio da xornada foi o recoñecemento á figura do actual bispo de Ourense, Monseñor Leonardo Lemos Montanet, galardoado na categoría de Fe. Con máis dunha década á fronte da diocese auriense, o xurado destacou o seu compromiso definitivo co patrimonio identitario galego.
O fito fundamental da súa xestión foi o impulso e publicación do Misal Romano en lingua galega. Desenvolvida en colaboración estreita coa Secretaría de Lingua, esta obra litúrxica responde a unha demanda histórica da Igrexa e da sociedade galega.
Con este paso, a liturxia católica oficial conta coa súa ferramenta máis solemne no idioma vernáculo. O premio, unha peza escultórica realizada polo artista Acisclo Manzano, foi entregado polo director Xeral de Patrimonio, Ángel Miramontes, e recollido polo propio señor bispo.Quince galardóns para o tecido cultural galego.
O xurado outorgou un total de quince distincións a personalidades e institucións que destacan na defensa da identidade civil, artística e social:
Historia: Simon R. Doubleday.
Arte: Siro López.
Periodismo: Maribel Outeiriño.
Lingua: Valentín García.
Música: María do Ceo.
Cine: Ignacio Villar.
Canción: Miro Casabella, polo seu emblemático tema “O meu país”.
Reconstrucción da Historia: Casa da Cuesta.
Ano Oteriano: Fundación Otero Pedrayo.
Literatura: Rosalía Morlán.
Dirección: Marta Lucio.
Xestión de Deporte: Rafael Louzán.
Defensa da Cultura: APATRIGAL.
Dereito: Carmen Eiró Bouza.
Fe: Mons. Leonardo Lemos Montanet
O evento pechou cunha reivindicación do patrimonio cultural como un elemento vivo capaz de unir a historia, a creación artística actual e a expresión espiritual.





