.
O sábado 25 de abril celebrouse en Xinzo a Asamblea diocesana de catequistas.
A Diocese de Ourense propón neste tempo a mirada sobre dúas figuras fondamente vencelladas á nosa tradición cristiá: Santa Mariña e Idacio de Limia. Dúas vidas moi distintas, pero igualmente significativas para comprender a fe, a esperanza e a misión da Igrexa no momento presente.
Santa Mariña aparece como testemuña dunha fe sinxela, firme e martirial. Educada por unha ama de cría iletrada, a súa vida convértese nun estímulo para todos aqueles que transmiten a fe desde a humildade e a fidelidade cotiá. Dun modo especial, a súa figura ilumina a misión dos catequistas e tamén a de tantas avoas e persoas sinxelas que, ao longo das xeracións, foron sementando o Evanxeo no corazón das familias.
Xunto a ela, a figura de Idacio de Limia, bispo culto e formado na gran tradición romana, lembra outro momento decisivo da historia. Idacio viviu con temor e desconcerto a chegada dos suevos e a caída dun mundo que parecía seguro. Para moitos, ao derrubarse o Imperio, parecía tamén esmorecer a fe, identificada durante tempo con aquela orde política e cultural.
Porén, a historia mostrou que non era así. A Igrexa soubo atravesar aquela crise, purificarse, reconstruírse e descubrir de novo o que estaba chamada a ser. Tamén Idacio tivo que facer ese tránsito interior: pasar do medo pola perda dun mundo coñecido á confianza nunha Igrexa chamada a vivir e anunciar o Evanxeo en circunstancias novas.
O parecido co tempo presente é evidente. Nun contexto de cambios profundos, incertezas e transformacións culturais, estas dúas figuras convídannos a non caer no desalento. Santa Mariña e Idacio de Limia recórdannos que a fe non depende das seguridades externas, senón da fidelidade a Cristo e da capacidade da Igrexa para renovarse desde o Evanxeo.
A súa memoria convértese así nunha chamada á esperanza, á transmisión viva da fe e á confianza en que Deus segue guiando á súa Igrexa tamén nos tempos de cambio.
