A exposición “Coroas de Santidade”, que se abriu ao público o día 14 de
agosto, na igrexa de O Salvador de Hospital de Quiroga, -organizada co gaio das
coroacións canónicas das Virxes dos Remedios de Castro Caldelas e A Ermida en
Quiroga-, foi clausurada o luns 26 de agosto ás 12:00.

O acto de clausura tivo como invitados ao Vicario Episcopal para o Patrimonio
e o Sostemento da Igrexa, da diocese de Ourense
D. Raúl Alfonso González e o catedrático, e historiador galego, D. Carlos Sixirei
Paredes, nado en Santiago de Compostela, Licenciado en Filosofía e Letras pola
Universidade de Santiago de Compostela, é profesor titular de Historia de
América na Universidade de Vigo (Campus de Ourense).

D. Carlos Sixirei compartiu cos asistentes uns esbozos biográficos dos
persoeiros que xacen sepultados nesta igrexa parroquial de Hospital, entre
ouros:

·    García
Rodríguez de Quiroga e a súa muller María Álvarez de Losada, Señor de
Montefurado e Capitán das Xentes de Guerra do Conde de Lemos -así o documenta
Eduardo Pardo de Guevara,
polo ano
1480 -, ademais de alcalde da vila e fortaleza de Sarria.

·.  Frei
Rodrigo de Quiroga, fillo de García Rodríguez de Quiroga e de María Álvarez de
Losada, que  foi titular das Encomendas
sanxoanistas de Quiroga e Osoño entre os anos 1456 e 1495. A literatura
xenealóxica informa de que estivo na illa de Rodas en 1480, e que faleceu no
ano seguinte.

·       Juan de
Losada, que foi Merino de Caldelas e viviu na súa casa de San Xulián de
Pradomao, onde morreu cara o ano 1515. Consta que contraeu dous matrimonios, o
primeiro con Violante de Ribadeneira, filla do Mariscal Pedro Pardo de Cela, e
o segundo con María Álvarez Osorio, aínda que só deixou sucesión na primeira.

·       Andrés
de Losada y Prada, finado en Madrid o 25 de abril de 1625, político galego e
secretario de Estado cos reis de España Felipe III e Felipe IV.