Este domingo 12 de maio, solemnidade da Ascensión do Señor,  tiña lugar en Castro Caldelas a Coronación Canónica da Virxe dos Remedios, presidida polo Bispo de Ourense, Monseñor Lemos Montanet, e contando como padriños da celebración co Arcebispo de Santiago de Compostela, Monseñor Francisco Prieto, natural destas terras, e a Corporación Municipal do Concello de Castro Caldelas, presidida pola Alcaldesa, Dna. Sara Inés Vega. Nun día tan especial para a nosa Diocese, contabamos en Castro Caldelas coa presenza dun numeroso grupo de sacerdotes concelebrantes, entre eles o párroco, D. José Manuel Armesto, así como distintas autoridades civís entre as que se atopaba o Delegado territorial da Xunta de Galicia, o Vicepresidente da Deputación, o Subdelegado de Defensa e os alcaldes doutros municipios vencellados a Castro Caldelas.
Tal e como destacaba Monseñor Lemos Montanet na súa homilía, «a festa de hoxe é unha invitación a vivir como testemuñas de Xesús Resucitado no medio do noso mundo, e como non é unha tarefa doada, dende sempre os fieis cristiáns voltan a súa mirada e as súas plegarias á Santa Nai de Deus, buscando nela os remedios de tantos males e dificultades. Por iso nesta celebración que atende ao desexo dos fieis destas terras de Caldelas, aos que se sumou a solicitude da corporación municipal así como otras entidades culturais e persoas de especial relevancia, procedemos a bendicir e coroar esta antiquísima imaxe da Nosa Señora dos Remedios á que se lle ten especial devoción«.
Recordaba tamén Monseñor Lemos Montanet que unha coronación canónica supón un compromiso de toda a comunidade crente por facer deste templo de Castro Caldelas un centro de referencia para toda a zona.
A coroa, feita en prata sobredourada, é deseño do pintor malagueño Francisco Naranjo, realizada polos talleres de orfebrería Montenegro, tal e como nos amosaba nestes días o historiador Manuel Carrete, que exerceu como comisario dunha exposición que, no Bispado de Ourense, nos permitiu, nos días previos á coroación, coñecer mellor a antiquísima devoción á Virxe dos Remedios nestas terras de Castro Caldelas.