O pasado sábado día 27 de xaneiro tivo lugar en Castro Caldelas un roteiro polos espazos vitais e literarios de Vicente Risco para máis de setenta profesores de Secundaria de toda Galicia, patrocinado pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade. O encargado de achegalos á figura de D. Vicente Risco foi o historiador e avogado Manoel Carrete, que relatou a relixiosidade de Risco en referencia a dous templos como son o Santuario dos Remedios e a Igrexa do Burgo.

O ponente disertou sobre a fundación do actual Santuario, a Virxe dos Remedios, o exvoto da tese doutoral de Vicente Risco, San Amaro, San Sebastián, así como de persoeiros históricos como o carmelita descalzo José de Jesús María, ou do médico xudeo do Papa Clemente.

Os visitantes desprazáronse posteriormente á parroquia do Burgo, onde o historiador, relatou momentos históricos coma o monacato de San Frustuoso de Braga ou o Foro do Bo Burgo (primeiro texto en lingua galega).