Tal e como destacaba Monseñor Lemos Montanet na súa homilía, «que importante é o testemuño auténtico dos crentes, que razón tiña san Paulo VI ao dicir que «o home contemporáneo escoita máis a gusto aos que dan testemuño que aos que ensinan, ou se escoitan aos que ensinan, é porque dan testemuño». O testemuño daqueles cristiáns fixo daquel novo soldado do emperador, un soldado de Cristo, que o converteu en líder dun pobo que camiñaba ás escuras, coma ovellas sen pastor. Por iso, a mensaxe de san Martiño segue a ser actual, por iso é polo que, coas mesma palabras do Apóstolo Paulo ao seu discípulo Timoteo, dinos: Combate o bo combate da fe (1Tim. 6, 11-14). Na nosa sociedade estamos a vivir unha especie de apostasía silenciosa da fe cristiá. Descóbrense aquí e alá signos de conivencia con outras formas relixiosas, que en si son respectables, pero atopámonos con que ata os mesmos crentes buscan nelas o que non foron capaces de atopar no cristianismo. Martiño de Tours, soubo manter a fe dos fieis, no medio daquela sociedade paganizada, coa coherencia da súa vida e coa maneira de expoñer a mensaxe de Xesús. O noso santo Patrón dinos o mesmo que escoitamos na segunda lectura: Busca a xustiza, a piedade, a fe, o amor, a paciencia, a mansedume ( ) conquista a vida eterna.»
O venres 11 de novembro culminaba a novena en honor a San Martiño, patrón da Diocese, coa celebración na Catedral da Celebración Eucarística, polo Rito Mozárabe, presidida polo Bispo da Diocese e na que o alcalde fai a tradicional ofrenda ó santo.